Monday 20 de May de 2024

Laxe une maxia e cultura para celebrar ‘As nosas letras’ co Mago Teto


• O espectáculo será o propio día, 17 de maio, ás 18:00 horas, na Praza dos Voluntarios

• A actividade está enmarcada na programación cultural de maio, que incluirá outras sesións centradas na conmemoración do Día das Letras Galegas

O Concello de Laxe, a través da concellería de Comercio, Hostalaría, Turismo e Cultura, aposta por unir a maxia e a cultura para celebrar as Letras Galegas 2024.

Farao co espectáculo ‘As nosas letras’, do Mago Teto, o día 17 de maio ás 18:00 horas. A sesión de maxia, que se fará na Praza dos Voluntarios, rende homenaxe á cultura, á tradición e ás costumes galegas a partir dunha escolma de destacadas pezas da literatura galega.

O recoñecido mago xunta a maxia e as letras para ilusionar e divulgar o galego. Durante o espectáculo procederase á recomposición das cantigas de Afonso X, aparecerá a incrible espada enmeigada de Merlín e Familia e o espírito do mestre Castelao para facer os seus debuxos. Tampouco faltarán as adiviñas para lembrar as obras de Risco, Rosalía e Blanco Amor.

A actuación, subvencionada pola Rede Cultural da Deputación da Coruña, forma parte da programación cultural de maio, na que se realizarán diferentes actividades para celebrar esta efeméride.

A concelleira de Cultura, Raquel Lema, destacou que se trata “dunha das diferentes actividades que temos preparadas para este mes e que buscan poñer en valor a literatura galega e dar a coñecer aos autores e autoras máis destacadas das nosas letras”.

Deja un comentario